domingo, 16 de marzo de 2008

O grupo Alalá, poesía viva en As Pontes



O grupo poético Alalá está formado por Anibal Anxo ,Gloria David, Gema Bermúdez, Ofelia López e Santi Del Moral.

O sexto membro deste grupo é Anabel Alonso que ademais de ser a bibliotecaria municipal de As Pontes "Colabora co grupo Alalá desde o principio, non só permitindo, como Bibliotecaria, que os poetas se reúnan na Biblioteca Municipal senón tamén coa súa valiosa participación nas reunións, opinando acertadamente, dando apoio loxístico para a realización dos recitais, ou en calquera outra circunstancia. Anabel é unha importantísima parte do proxecto "Alalá" e sen a súa colaboración sería moi difícil levar a bo termo as inquedanzas do grupo."
(Gloria David)







Levan anos facendo da poesía unha arte. Non só cos seus recitais poéticos senón tamén co seu permanente Obradoiro literario onde podedes acudir se queredes mellorar a técnica da escrita ou simplemente a pasar un rato lendo con eles.









Eduardo Estévez é quen dirixe este obradoiro e tamén fixo a maqueta do seu libro xa publicado no ano 2005 no tradicional Recital de outono.











Gústalles acompañarse doutros poetas e así temos visto canda eles a Xulio López Valcárcel ou a Diana Varela, gañadora da IV Edición do Concurso de Poesía Uxío Novoneyra, arrancar a súa vea máis poética de persoeiros coma Carlos Blanco ou manifestar a súa admiración e respecto por outros poetas consagrados como Manuel María do que se fixo eco incluso La Voz de Galicia.


A música é outro dos seus compañeiros esenciais, o pianista X. M. Campello, o percusionista Ignacio Sáez o trompetista Abel Riveiro, todos eles profesores do Conservatorio Municipal das Pontes, as Cantareiras de Alende e incluso alumnos do propio Conservatorio, alegran coas súas pezas os momentos interlecturas.




Cinco sentidos é o primeiro libro de poemas publicado polo Grupo Alalá.
Foi presentado nas Pontes o día 10 de decembro de 2005. Actuaron como padriños Anabel Alonso, o concelleiro de cultura do Concello , Hixinio Adega e o poeta Eduardo Estévez que leu unhas palabras en nome de Xosé Vázquez Pintor, poeta autor do limiar do libro. Ademais acompañoulles a música tradicional das cantareiras da A. C. Alende.

No día 28 de abril de 2006 o grupo presentou os seus poemas na veciña localidade de Vilalba. Nesta ocasión tiveron como anfitriona, a poeta vilalbesa María Xosé Lamas.
O acto levouse a cabo no Centro Recreativo Cultural.

En Ortigueira presentouse Cinco Sentidos no día 12 de maio de 2006. Nesta ocasión o escritor Narciso Luaces deu paso aos poemas do grupo poético Alalá na Fundación Federico Maciñeira. Tamén as cantareiras da A. C. Alende acompañron aos poetas coas súas cancións.
a



Imos ler alguns dos seus versos

Quixera soterrarte
no meu valeiro
por só un intre.


Terte no fondal
da desesperanza amiga
que me vai roendo os ollos

sen canseira.

Calada e observante.

Con ese meigo silencio humano
tan de teu;
para que
furándome nas entranas
voltara a atopar ese vieiro
de neno
que perdín.


Aníbal Ánxel


Bicos de sal

e de escuma
bicos de estrelas
e pan.

Bicos de orballo
e de lúa
bicos de vento
e de sal.






Gema Bermúdez
( a que seguimos botando de menos como profesora que foi do noso centro)




Sen ti, contigo

Dóeme este feitizo
que te estampa en cada rostro;



esta vontade allea
que te busca en cada esquina.

Dóeme este delirio
que te chama e te suspira;
este desexo inquedo,
esta caricia reprimida.

Dóeme este baleiro
que o meu corpo non entende,
a túa pel espida
nunha imaxe ausente;
esta entrega louca
se é dar somente.

Dóeme estar sen ti
e estar contigo sempre.

Gloria David



Andaina dunha castaña

Castaña, dentro escondida
das espiñas dun ourizo
tes razóns para esperar
a que este bote un sorriso.

Empezas a túa andaina
e para de el te sacar
o mesmo te han de pisar
como se foses un bicho.

Afogada entre as outras
mollada e fría has estar
namentras vas ó poleiro
onde terás que enxugar.

Ó fin nun saco te botan
en transporte a pasear
na tenda estás tan fermosa
deseguido te han comprar.

No mellor posto da rúa
en boa brasa has de asarte
logo a parar no bandullo
do primeiro viandante.

Ofelia López


O vento rabuñaba cos seus ouveos

nas portas pechadas do silencio
querendo roubar os meus segredos,
queréndome deixar o corazón baleiro.





Santi Del Moral


Enderezo electrónico do GRUPO POÉTICO ALALÁ: grupoalala@grupoalala.com

No hay comentarios: