lunes, 13 de febrero de 2012

100 anos con Cunqueiro


A semana pasada, no marco da celebración do centenario de Cunqueiro que estamos a promover desde o Clube de lectura, tivemos unha boa chea de actividades. Grazas á colaboración de Radio Eume, o mércores 8 graváronnos lendo 22 poemas, que ían desde o seu libro primeiro, Mar ao norde (1932) até o derradeiro, Herba aquí e acolá (1980). Para alén de que poidamos escoitar e ver estes poemas de Cunqueiro na emisora municipal, tamén en breve han de estar ao dispor de todos na páxina do noso centro. Xa vos teremos informados.
O xoves 9, ás 8 do serán, reunímonos na Biblioteca Municipal lectoras e algún lector para falarmos de Un hombre que se parecía a Orestes . Foi unánime a sorpresa e admiración que todos sentimos cara a esta obra que, como case todo o que escribiu Cunqueiro en castelán, non é moi coñecido. Coido que todas as persoas que estaban o xoves na Biblioteca Municipal das Pontes coinciden en recomendar esta novela, divertida, chea de imaxinación, diferente a todas as demais, e que nos presenta un Orestes que dá moito que pensar sobre sentimentos como o deber ou a vinganza.
Mais a nosa semana con Cunqueiro non rematou aí. O venres 10 de febreiro, ás 8 e media do serán, a Biblioteca Municipal das Pontes e Clube de Lectura do noso I.E.S. convocamos os veciños e veciñas da vila para que leses e escoitasen a poesía de Cunqueiro. Contamos coa colaboración, magnífica, de varios alumnos, tanto da E.S.O. como do Bacharelato, do grupo poético Alalá, así como do mestre X. M. Campello (que nos trouxo a música, con variacións sobre o tema de “No niño novo do vento”), e das Cantareiras da Asociación Cultural Alende, que lle puxeron un bonito ramo ao acto interpretando o poema de Cunqueiro con máis éxito na súa adaptación musical.
Agora ben, o conto non remata aquí, que aínda queda moito Cunqueiro por ler e disfrutar!

No hay comentarios: