viernes, 3 de diciembre de 2010

Recomendación para Nadal

Xa sei que todos estades pensando en Nadal. E que sería o Nadal sen os agasallos propios destas datas que uns relacionades con Papá Noel e os máis tradicionais cos Reis Magos.

Hai unha suxestión que vos quero facer, sobre todo aos afeccionados á poesía.
Ben sabedes que a Real Academia da Lingua Galega dedica o Día das Letras Galegas no ano 2011 a Lois Pereiro. Pois mirade, antes de apagarse os ecos do seu antecesor, Uxío Novoneyra, Positivas e Espiral Maior, as dúas editoriais que publicaran a súa obra poética, están a convertir ao autor monfortino na gran aposta poética para o Nadal. Espiral Maior xa viña de publicar hai un mes un ensaio, Radiografía do abismo, un achegamento biobibliográfico a este singular escritor.
Así mesmo Positivas acaba de reeditar os dous únicos poemarios publicados polo autor en vida Poemas e Poesía última de amor e enfermidade.
Neste mes que andamos, Positivas tamén publicará a única obra inédita que deixou Pereiro, Conversa ultramarina, un conxunto de textos que foi escribindo para Piedade Cabo, a muller da súa vida, nos tres meses que ela pasou en California no 1995.
Os que desfrutades lendo poesía estades de noraboa pois tedes a oportunidade de coñecer a este poeta humano e intenso e para os que xa o teñades lido, unha nova proposta, un novo achegamento que nos fala de amor e de dor, e de todos os sentimentos que Lois Pereiro nos pon ao descuberto na súa obra.