miércoles, 29 de junio de 2011

Xurxo Borrazás visita o Clube de Lectura de adultos


O pasado mércores, 22 de xuño, o narrador, ensaísta e asiduo colaborador da prensa periódica galega, Xurxo Borrazás, acudiu ao encontro coas lectoras e lectores ponteses, nun acto organizado polo Clube de Lectura que promoven a Biblioteca Municipal e o noso centro, o IES Moncho Valcarce.

O punto de partida para unha conversa co autor carballés que se estendeu durante máis de hora e media foi a súa última novela publicada, Covalladas, unha desacougante narración, a xuízo de varias das lectoras e lectores alí presentes. Como o propio Borrazás sinalou, esta obra pretende, cun humor que por veces é bastante negro, unha continúa parodia da vida dos seres humanos a partir da observación dun mundo ficcional, que frecuentemente semella moi real, situado debaixo da terra e que ten por protagonistas a uns singulares ananos. Nese inframundo, onde os propios habitantes teñen severas dificultades de orientación e unha relación ambigua e complexa co exterior e a posibilidade de saíren, atopamos curiosas situacións ou personaxes, como a Biblioteca sen demasiados usuarios, unha Universidade xerarquizada e non eficiente, mais respectada, o bilingüismo, os dirixentes políticos, os aventureiros que refiren as súas heroicidades... que nos levan a pensar que tal vez nalgunha ocasión tamén nós estivemos en tal cova, feito que non nos fai moi felices.

Con todo, a amena conversa con Xurxo Borrazás tamén tratou máis temas para alén de Covalladas, como por exemplo as súas outras obras (con especial protagonismo para Arte e parte), os seus gustos literarios, o papel da creación en Galiza, a relación entre o escritor e o poder político, os premios literarios, a escrita xornalística, ou a actualidade do movemento 15-M.

Con esta actividade, o clube de lectura das Pontes ponlle o ramo ao curso académico 2010/2011 e abre unha paréntese estival, coa vontade de que aló por setembro textos e lectores se volten a encontrar, con igual ou maior entusiasmo, para continuarmos a disfrutar do pracer de ler e aprender.

                                                                                                                  Alberto Allegue Leira.