viernes, 20 de enero de 2012

Haberá primavera

No marco das actividades arredor da obra de Cunqueiro que estamos a facer neste curso no noso Clube de lectura, o vindeiro venres 3 de febreiro, na Casa Dopeso, contaremos coa visita de César Morán, un músico lector e bo coñecedor de Cunqueiro, que nos virá presentar as súas cancións a partir de poemas do autor mindoniense.
César Morán está a presentar o seu novo libro-disco, unha obra de grande interese, xa que ademais das catorce cancións, comentadas e presentadas con valiosos textos (breves, claros, lúcidos), contén a gravación dunha entrevista que o propio César Morán lle fixo a Álvaro Cunqueiro pouco antes do seu pasamento, na víspera do día de Reis de 1981. Para alén dalgunha anécdota de humor, a entrevista é un magnifico documento para mellor coñecer o autor de Herba aquí e acolá.
Se tedes ocasión, non deixedes de escoitar e ler este libro disco. E ao concerto do día 3 de febreiro, estamos todos e todas convidados/as.