lunes, 31 de octubre de 2011

Gañadores do Concurso de relatos de Samaín

procedencia da imaxe

1ª categoría:
Relato gañador: A pantasma da estrada...fantasma, de Tamára Pérez. 2º de ESO-B
Alba Antúnez, 1º ESO-A: Mary Crispy
Martín García, 1º ESO- A: Noite Chuviosa
Laura Gregorio, 2º ESO-A: O portal que conduce ao mundo dos mortos
Beatriz Prieto, 2º ESO-A: Cartas do Mais Alá


2ª categoría:
Relato gañador: O tren. Iago Foxo. 2º de bacharelato-B
Emilio Sanjurjo, 2º de bacharelato- B: Pausa
Rubén Seco, 2º de bacharelato- A: Samaín

3ª categoría:
Félix Longueira, profesor de Xeografía e Historia, participou con dous relatos:
Cu de mal asento e Déitese aí!
Chus Galego, profesora de Lingua Castelá e Literatura: A frauta

lunes, 24 de octubre de 2011

Unha lectura: Os dous de sempre





Os dous de sempre é unha obra característica e moi arraigada no estilo de Castelao, os trazos irónicos e humorísticos xunto co realismo pictórico dan forma ó corpo desta obra que dalgunha forma marcou un antes e un despois na nosa literatura.


Castelao amósanos nesta obra a realidade da época na que están inmersos Pedriño e Rañolas, os dous protagonistas antagónicos da novela. Por un lado Rañolas; intelixente e emprendedor, loita por saír adiante dende o entorno de pobreza no que nace, sobrepoñéndose con decisión á súa eiva de pernas. Por outro lado temos a Pedriño; zoupeiro e sen máis ánsias que as de comer, é o fillo máis vello dunha familia de pobres que vive malcriado pola súa tía Ádega. Os camiños de ambos amigos entrecruzaranse máis dunha vez no transcurso da novela, sorprendendo continuamente as grandes diferencias existentes entre ambos personaxes.


Os dous de sempre gustoume tanto pola forma, como polo contido, cheo dunha realidade simple pero contundente que se torna cambiante sorprendendo ó lector ata o final da novela.


Rubén Seco Pico

domingo, 23 de octubre de 2011

Primeiro Festival de Curtametraxes do Samaín



Sobre a morte do Bieito (Galego) from Xudit Casas on Vimeo.

Do 25 ao 28 de outubro no Moncho Valcarce imos celebrar o Samaín cunha inquietante selección de curtametraxes galegas: turbios segredos, mortos que quizais estexan vivos no cadaleito, voces estranas no camposanto,... Nos recreos, entre bocado e bocado, poderás fitar abraiado (ou alporizado ou marabillado) con estas historias que tes a continuación.



  • Martes 25. A mercería (curta e Marise Brostel): Antonio entra nunha mercería a mercar fío. As amábeis dependentas parecer gardar algún turbio segredo.


  • Mércores 26. Sobre a morte do Bieito (curta de Xudit Casas): Que farías se nun funeral sentises moverse algo dentro do cadaleito?

  • Xoves 27: A barbería (curta de Alfredo García).Na barbería de don Inocencio algo raro ocorre desde hai uns días cos clientes.


  • Venres 28: Os defuntos falaban castelao (curta de Tomás Conde). No tranquilo cemiterio dunha vila galega, aos defuntos dalles por soster conversas de amor en castelán.

    Haberá dous pases diarios. As 10:10 na entrada do instituto e as 12:10 na Biblioteca. Non deixes de velas! Porque... habelas, hailas!

lunes, 10 de octubre de 2011

Samaín: Concurso de relatos curtos.






O Equipo de Normalización Lingüística do IES Moncho Valcarce convoca o I concurso literario de relatos breves con motivo do Samain. Animádevos a participar. Estas son as BASES:



1.- A temática dos relatos presentados deberá estar relacionada co Samaín, e portanto ter algunha relación co mundo do “máis alá”, ou coa presenza ou irrupción do mundo dos mortos no dos vivos, ou viceversa!
2.- Unicamente poderán presentarse traballos escritos en lingua galega.
3.- A extensión máxima dos relatos concorrentes será de 350 palabras, e calquera texto que sobrepase este límite será excluído.

4.- Os relatos poderán apresentarse preferentemente en formato dixital, nun arquivo de texto, ou ben manuscritos.
Tamén se poderan enviar por correo electrónico á conta de correo:
normaliza.ies.moncho.valcarce@gmail.com
5.- Haberá tres niveis:
1. 1º , 2º e 3º da E.S.O.
2. 4º da E.S.O. e Bacharelato
3. Profesorado, pais e nais, e persoal non docente.
6.- A data límite para a entrega de traballos será o 26 de outubro de 2011.
7.- Os premios fallaranse o 28 de outubro, e serán entregados a víspera do Samaín. En coherencia co xénero literario que promove o concurso, até a víspera do Samaín non se dará a coñecer en que consiste cada un dos premios de cada categoría.


E lembra, o terrorífico ha de ser o argumento, ou os personaxes, mais nunca a ortografía ou a presentación.
Organiza: Vicedirección
Colabora: Equipo de dinamización lingüística / Biblioteca


Toda a información sobre o concurso e outras moitas noticias e enlaces de interés sobre a lingua as podedes atopar no blog:



Os aromas máis doces




Un curso máis, comezamos cos nosos praceres arredor das letras que conforman textos e libros, e nesta ocasión propómonos disfrutar e participar na celebración do centenerio dun grande e bo combinador de letras e libros, Álvaro Cunqueiro. Como sempre, a mellor maneira de conmemorar un escritor é lendo a súa obra, de maneira que no noso Clube de Lectura, que axiña botará a andar, imos ler o fabulador de Mondoñedo. Iremos á procura da maxia e da fantasía, para averiguarmos se estas están presentes e non nos resultan tan necesarias nos días tan revoltos que vivimos, días mentireiros, que non fantásticos.
A modo de presentación do novo curso, e declaración de intencións do noso labor, a palabra de Cunqueiro:


“ (...) - Pero, con las dudas, tu vida será diferente. Un hombre que duda es un hombre libre, y el dudoso llega a ser poético soñador, por la necesidad espiritual de certezas, querido colega. La filosofía no consiste en saber si son más reales las manzanas de ese labriego o las que yo sueño, sino saber cuál de las dos tienen más dulce aroma. Pero esto es arte mayor. Bástete saber que tu vida será diferente con las dudas, como te decía, y que si es lo mismo morir de Orestes que de una fiebre sabatina, a la fiebre no la tienes por visita irremediable. (...)”
Álvaro Cunqueiro, Un hombre que se parecía a Orestes, segunda parte, capítulo V.


El incierto señor Cunqueiro. Documental dirixido por Antón Reixa.