lunes, 12 de marzo de 2012

Si no despierto (Before I fall)


Imaxina que tan só che queda un día de vida. Que farías? Ata onde chegarías para librarte de morrer? Samantha está a piques de averigualo: o venres 12 de febreiro será o seu último día. Ou, mellor dito, os seus últimos sete días, porque todo se vai repetir unha e outra vez ata que se dea conta de que cambiar as cousas... está nas súas mans”.

Recoñezo que este libro non é o tipo de lectura que adoita formar parte das miñas eleccións. En realidade, que me fixera con el foi un feito casual. Vagando por unha librería, tiña unhas ganas enormes de facerme con algún libro novo para ler, mais ningún me convencía. Entón, cando xa ía marchar, reparei neste libro. “Probablemente, esta é a típica novela adolescente. Totalmente plana e insubstancial”, pensei para min. Mais dinlle unha oportunidade. 

E menos mal que o fixen. Estareille sempre agradecida á autora por espertar en min tantas emocións e todas tan diferentes, cousa que ningún libro conseguiu polo momento. A historia que nos conta Lauren Oliver é unha historia de xerarquías nun mundo cruel e superficial, onde os populares cometen continuos abusos contra os demais polo simple feito de seren diferentes. Sam, a protagonista, é claro exemplo disto. Guapa, exitosa e admirada por todos, ten a vida perfecta, o mozo perfecto, as amigas perfectas. Ou iso cre.

Unha noite de sábado, tras consumir alcohol nunha festa, Aly, Elody, e Sam montan no coche de Lindsay para voltar á casa. Mais non chegan a facelo. Tras un despiste, o coche desvíase da estrada e choca. Samantha, a cal ía no asento do copiloto, morre. Ben, en realidade non de todo. Cando esperta, Samantha dáse conta de que quedou atrapada nunha especie de espiral, que a obriga a espertarse unha e outra vez no mesmo día. 

E aquí é onde a historia cobra sentido. A partir deste instante comézase a apreciar a evolución de todos e cada un dos personaxes. Cada "novo" día vivido por Sam reflíctese no dito de que "o bater de ás dunha bolboreta en Londres pode desatar unha tormenta en Hong Kong". Cada cousa diferente que fagas, por insignificante que sexa, pode cambialo todo. Samantha é a bolboreta. E polo tanto, está nas súas mans cambiar as malas accións que provocaron a tormenta

En resumo, recomendo encarecidamente esta novela especialmente por tres motivos: a apaixonada forma de narrar da autora, a profunda reflexión sobre a vida na que te fai somerxerte e, sobre todo, o final. Non vos deixará indiferentes.
Unha suxestión de Laura Permuy Pico