O xoves 19 de abril, ás 20:00, na Casa Dopeso, reunímonos os integrantes do Clube de Lectura de adultos para falarmos sobre a última obra que nos propuxemos coñecer: Digrace, do escritor hoxe australiano mais sudafricano de orixe J. M.Coetzee, premio Nobel en 2003.
Nesta novela, que presenta un título diverxente segundo o tradutor (Deshonra na versión galega de Rinoceronte, Desgracia na castelá de Mondadori), relátase parte da vida non demasiado honrosa de David Lurie, un profesor que, tras se ver implicado nun escándalo e ser expulso da universidade en que daba aulas, decide ir visitar a súa filla Lucy, no campo. Non será esta unha viaxe plácida, nin parece que ese mundo rural teña tintes bucólicos, porque a violencia está á espreita con especial ferocidade e semella difícil desandar impunemente o camiño de tantos anos de colonialismo e apartheid...
Nesta reunión, aberta como de costume a todos e todas as que nos quixeron acompañar, aproveitamos para ver a adaptación cinematográfica desta narración, o filme que dirixiu Steve Jacobs e que ten a John Malkovich no papel de David Lurie. E comprobamos como a Disgrace cinematográfica procura seguir con grande fidelidade a novela de Coetzee, logrando un resultado digno onde destaca, como non, a interpretación do protagonista.