lunes, 8 de diciembre de 2008

II Feira Galega das Industrias Culturais


Entre o 4 e o 7 deste mes , na Coruña, tivemos a oportunidade de asistir a Cultur.gal. Isto é un espazo onde os diferentes sectores culturais galegos presentaron, amosaron, promocionaron, difundiron e venderon os seus produtos e servizos.
Durante estes catro días desenvolveuse unha intensa programación. Nós tivemos a sorte de participar no Foro das Letras Vivas. Neste foro a Consellería de Cultura e Deporte, a través do director xeral de Creación e Difusión Cultural, Luís Bará presentounos un conxunto de accións no programa de animación Letras Vivas buscando promover a creación dunha programación estable de animación á lectura en bibliotecas e outros ámbitos. As propostas queren fomentar o achegamento aos libros desde unha perspectiva lúdica, mediante actividades de animación e de carácter formativo. Todas elas son desenvolvidas por profesionais ou por grupos con acreditada experiencia na realización de espectáculos e actividades de fomento da lectura.
Así vimos pinceladas do que poden facer profesonais como Altega, Bugalú, Reverso, Argallando, Duende Sico, A Locamotora...Estes creadores amosaron as súas propostas de primeira man.
A Asociación de Escritores/as en Lingua Galega (AELG) traeron ao Cultur.gal a 48 escritores e escritoras que foron entrevistados durante a feira, entrevistas que se emitiron pola rede e que serán editadas para a súa difusión. Entre eles estaban: Antón Corizas, Antón Reixa, Camilo Franco, Eva Veiga, Manuel Rivas ou Yolanda Castaño.
Pero tamén puidemos falar con Tucho Calvo e a súa proposta de Biblos, follear as últimas publicacións de Rinoceronte, Xerais, Positivas... Unha delicia para os que disfrutamos neste ambente de libros, música, artes escénicas, etc.



Cultur.gal creo que busca ser unha plataforma referencia imprescindíbel e obrigada, a xeito de cita anual, para o libro, o audivisiul, a música, as artes escénicas, os servizos socioculturais e as novas tecnoloxías da cultura e do lecer en Galiza.