miércoles, 24 de abril de 2013

A verdadeira e xamais contada historia da Casa Encantada. Por Tamara Pérez (3º de ESO)



Que escuros segredos rabuñan as túas paredes coma berros afogados na noite!


     O primeiro dono do que hoxe se chama “A Casa Encantada” foi José María Cabarcos Yáñez. Foi precisamente o que mandou construíla.
      Instalouse alí coa súa familia, coa que tivo moita felicidade ata que a súa muller se volveu alcohólica. Aquela muller, segundo a miña fonte, bebía todo tipo de bebidas alcohólicas e non coidaba dos fillos nin da casa; era o propio José María o que tiña que facelo.
      A muller, ao estar bébeda, moitas veces ía polas tendas da vila para conseguir os mellores abrigos de pel, e non os pagaba. Chegaba con eles á casa, pero ninguén pensaba que non estiveran pagos.
      Cando José María se decatou do que facía a súa muller, pagou ata onde lle chegaron os posibles, que non eran poucos, e aínda lle quedou xente á que lle pagar. Quedou sen cartos algúns e suicidouse cortando o pescozo no lousado da casa. 
     A muller de José María Cabarcos non podía quedar soa, pois dependía total ou parcialmente do alcohol, e levouna unha das súas fillas para A Coruña. Esta filla estaba casada cun cabo e vivían nunha casa moi grande.
     Dúas fillas desta muller vivían na Coruña, un fillo aquí nas Pontes, e dous en Cuba.
      A muller viviu alí os anos que lle quedaban tal e como os vivía na súa anterior casa: empobrecendo a familia e bebendo sen parar, pero desta volta fóra da casa para que a súa filla non a vira, de tal xeito que un día non regresou á casa e comezaron a buscar nela.
     A busca non daba ningún froito e tiveron que avisar á garda civil, que a atopou morta nunha rúa cunha botella na man.
       Xa pasados moitos anos dende que a casa encantada quedou baleira,  un  home  de  negocios  mercou  a  casa  e  instalou  alí unha granxa á que acudía moita xente mercar porcos, galiñas, vacas, e a levar estas últimas ao boi.
     Aquel home gañaba moitos cartos coa granxa,  pero un día deu en desaparecer sen que ninguén se decatara do por que, nin do como, nin do onde.
      Ninguén é quen de dicir por que esta casa fai que todos os que habitan nela morran ou desaparezan, por iso se inventaron as lendas urbanas das pantasmas, que probablemente foran os consumidores de droga que alí houbo ata pouco hai; ata que taparon as entradas da vivenda para que ninguén puidese acceder a ela.

2 comentarios:

Chispa dijo...

Felicitación para Tamara Pérez por esta entrada tan interesante. Incluída a foto e o pé de imaxe.
¡Noraboa!

Biblioteca IES Moncho Valcarce dijo...

Grazas, Chispa!