Estes son os coñecidos versos de Uxío Novoneyra que un non pode deixar de musitar cando deixa atrás Samos e se adentra pola estrada cara aos montes máxicos e poéticos. Uxío Novoneyra, o poeta de Parada de Moreda, no corazón do Courel, será o escritor ao que a Academia Galega dedicará no 2010 o Día das Letras Galegas. Esta grata noticia colleunos xa gardando os bártulos do curso e saíndo cara as vacacións. Pero desde a biblioteca non queremos deixar pasar a ocasión de mostrar a nosa satisfacción por esta nova.
PANOS brancos esfiañados da nebra ouveando polos vales polos soutos i as devesas marelas en busca dun caborco ou dunha valiña outa que os acolla i os faga acougar!
Fiañas da nebra rubindo e baixando á gaiola do aire polas serras érmedas e polos soutos despidos do Nadal! (De OS EIDOS)
Ramón Piñeiro é o persoeiro a quen lle adica A Real Academia Galega este ano o Día das Letras Galegas. Nace en Armeá, Láncara o 31 de Maio de 1915 e fina en Compostela o 27 de agosto de 1990. Político, escritor e filósofo. Estudou o bacharelato elemental en Lugo e en 1930 traballou como empregado de oficina nun comercio de Sarria. Durante esta época, a lectura do xornal El Pueblo Gallego espertou nel un grande interese polo movemento político e cultural de Galicia. En 1932 instalouse en Lugo para estudar o bacharelato superior e relacionouse con mozos galeguistas lucenses, cos que participou na fundación das Mocidades Galeguistas, que posteriormente presidiu. En 1933 asistiu á asemblea do Partido Galeguista, celebrada en Santiago de Compostela, onde coñeceu a Castelao, Alexandre Bóveda e outros galeguistas, cos que iniciou unha estreita amizade. Participou no coñecido mitin das arengas, celebrado na praza da Quintana en Santiago de Compostela o 25 de xullo de 1934, con motivo do Día de Galicia, xunto a Alexandre Bóveda, Castelao, Ramón Otero Pedrayo e outros. En 1936 foi elixido secretario do comité provincial para o plebiscito do Estatuto de Autonomía. Co inicio da Guerra Civil Española (1936-1939) permaneceu agochado en Lugo ata que foi mobilizado e tivo que incorporarse ao bando nacional. Ao rematar a guerra comezou os seus estudos universitarios de filosofía e letras na Universidade de Santiago de Compostela e en Madrid, e mantivo a súa militancia política clandestina. Influíu na autodisolución do Partido Galeguista e, a partir de 1943, participou na reorganización clandestina do galeguismo. En 1946 viaxou a París coa misión de xestionar a inclusión de Castelao, aceptado por todas as organizacións galegas, como ministro do goberno de José Giral. Ao seu regreso detivérono en Madrid e condenárono a seis anos de cárcere, dos que cumpriu tres en Alcalá de Henares, Ocaña e Yeserías. Ao saír estableceuse en Santiago de Compostela e defendeu a loita cultural fronte á política, o que lle valeu as críticas doutros sectores galeguistas. Por unha banda tentou manter a estrutura clandestina do galeguismo e, pola outra, iniciar unha vía legal que levase á afirmación de Galicia como pobo nas conciencias dos máis novos. O seu fin era acadar a galeguización xeral da sociedade. En 1950 participou na fundación da Editorial Galaxia, da que foi o seu primeiro director literario; alí iniciou a colección Grial co ensaio Siñificado metafísico da saudade, que tivo unha enorme repercusión en Galicia e Portugal porque, centrado na filosofía existencialista de M. Heidegger, definiu a saudade como “o sentimento da soidade ontolóxica do home”, co que a converteu na principal achega da cultura galego-portuguesa ao pensamento universal. En 1963 participou na creación do Partido Socialista Galego e, entre 1966 e 1970, impartiu cursos de verán no Middelbury College de Vermont (EE UU) sobre cultura española. En 1967 ingresou na Real Academia Galega co discurso A lingoaxe e as língoas, en que defendeu a importancia da lingua como sinal de identidade dun pobo, e a finais da década de 1970 cofundou, con outros intelectuais galeguistas, o grupo Realidade Galega para defender que Galicia obtivese un Estatuto de Autonomía en igualdade de condicións ca as outras nacionalidades históricas. Tras a morte de Franco, en 1977 foi candidado ao Senado pola Candidatura Democrática Galega pola provincia de Lugo, pero non foi elixido e o seu nome soou en diversos medios de comunicación como candidato á presidencia da Xunta de Galicia. Foi deputado independente polo PSdeG-PSOE no Parlamento de Galicia durante a primeira lexislatura (1981-1985) e o primeiro presidente do Consello da Cultura Galega (1983-1990). Incluído dentro dos autores da Xeración do 36 que conforman o Grupo Galaxia, foi un dos principais responsables do mantemento do legado cultural do grupo Nós, a través dunha serie de traballos que procuraban a vinculación de Galicia con Europa e que sentaron as bases para o reinicio da normalización cultural no país galego. Escribiu numerosos artigos en Grial e noutras publicacións de temática política e cultural, moitos deles asinados co pseudónimo Luís Veiga do Campo, ademais de limiares e artigos en obras colectivas, como A saudade en Rosalía (1952), A saudade(1953), A lingua sangue do espíritu (1959), A filosofía e o home (1963), Vicisitudes históricas da cultura galega (1975) e Castelao político (1986). Da súa obra, que xirou ao redor da filosofía da saudade, destacan Pra unha filosofía da saudade (1953), Olladas no futuro (1974), Lembrando a Castelao (1975) e Filosofía da saudade (1984). Ademais, traduciu ao galego, con Celestino F. de la Vega, Cancioeiro de poesía céltica, de J. Pokorny (1952) e Da esencia da verdade (1956) de M. Heidegger. A súa correspondencia editouse en Cartas para os amigos (1992) e Un epistolario de Ramón Piñeiro (2000). Recibiu a Medalla Castelao (1985).
Visita este traballo de IES As Mariñas de Betanzos, unha páxina ben feita entorno á figura de Ramón Piñeiro Máis información tela naWikipedia
Una palabra cualquiera elegida al azar puede funcionar como palabra mágica capaz de desenterrar campos de la memoria que yacían bajo el po...
Na categoría de blogs de centro
Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.