Aos das Pontes gústanos atopar de cando en vez cousas tan preciosas coma as que conta Otero Pedrayo neste libro ilustrado por Vicente Risco e digo isto porque, sen dúbida, a nosa non é a vila máis fermosa de Galiza; o seu carácter industrial, o feito de ser unha encrucillada,... non fan dela a mellor das vilas, pero é a nosa vila e nos sentimos orgullosos de ter nacido nela e de ser parte da súa historia, unha historia que por outra parte abrangue ata a prehistoria.
Pois ben, aquí vos traio unha obra que podedes atopar na nosa biblioteca, publicada alá polo ano 1929 cando Otero Pedrayo e Vicente Risco xunta a Ben-Cho-Shey, fixeron un camiño dende Ourense ate San Andrés de Teixido para coñecer en detalle o país e así poder integrar a súa bagaxe cultural no ámbito xeografico, económico, paisaxistico,...reivindicando dalgunha maneira o noso patrimonio cultural. Neste itinerario pasaron por aquí e veredes o que dín das Pontes de principios do século XX. Deixemos falara D. Ramón, na súa lingua, unha lingua que ás veces, esixe do lector un esforzo, pero ben merece a pena.
"SEÑORES D´APASEO
Piñeirales. Pechos, mestos, armoñosos. Ouro verdecente da serán. A cada volta da carreteira vaise redondeando pra nós a conca das Pontes. Roca e piñeiros. Un grande golfo de piñeirás aberto no cerne das montanas. Un escuro verdecer e mancholas de casas brancas. Outras mancholas brancas e recendentes âs táboas de pino. Os ollos feridos e deslombrados de choutar pol-as serras, de brincar cotas, de fixar lonxanos paralelos históricos durme no arreconchego d´iste val. O Eume eiquí tamén folga un pouquiño: un descanso d´heroe na tarde ô pé dos arboredos. Terra de dólmenes e de encantamentos. Cruce de camiños axexado por outas penedías esgrevias. O Caxado racha a armonía da serán como un berro. Con todo Pontes é un val de montana. Non ten apesares dos piñeiros isa priguiza da veiramar. Priguiza dificultosa de dicir. Casas brancas, ponte, río, noite de sábado, nova espranza pr´o día seguinte. E se non se pode dubidar da seriedade da vila: eiquí inda lonxe chegan señores d´apaseio. Ouservámolos con grande curiosidade. Ben mantidos, importantes, paso dixestivo. Hai unha ximnástica burguesa ben século dazanove pra pasear pol-as carreteiras. Con todo istes señores non me parecen ser da vila. Levan gabás desmasiado â moda. Que pracer pra un veraneante poder dicir chegado o outono:"el día...de Julio salíamos de paseo, a las tardes en Puentes de García Rodríguez y teníamos que llevar gabán". Sospeitamos chegar a unha vila de oxixenación. A cada volta da estrada precísanse augas batidas entr´os piñeirás; hai cortinas de piñeiros que figuran encobrir a surpresa do val ullán. Logo as primeiras casas, as primeiras aceras, dúas pontes paralelas e unha cruz de estradas."
Se vos interesa todavía queda máis sobre a nosa vila, cousas ben interesantes como cando dí: "Casas de artesanos vilegos. As estradas novas criaron a outra vila: perpiñaos, galerías, tendas, acacias de bola, cafés, praza con bancos, despacho dos boletíns...Luminosa, espallada, c´a presencia custante dos piñeirás dá unha impresión hixiénica, aseptica..."
Anímovos a ler esta obra por moitas razóns, algunhas delas quedan aí argumentadas polo propio texto.
jueves, 4 de junio de 2009
As Pontes non sempre foi o que é
Publicado por Endora en 22:59
Etiquetas: As Pontes, Ramón Otero Pedrayo, Vicente Risco
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario