domingo, 28 de junio de 2009

O POETA DO COUREL, Letras Galegas 2010



Courel dos tesos cumes que ollan de lonxe!
Eiquí síntese ben o pouco que é un home...

Estes son os coñecidos versos de Uxío Novoneyra que un non pode deixar de musitar cando deixa atrás Samos e se adentra pola estrada cara aos montes máxicos e poéticos.
Uxío Novoneyra, o poeta de Parada de Moreda, no corazón do Courel, será o escritor ao que a Academia Galega dedicará no 2010 o Día das Letras Galegas. Esta grata noticia colleunos xa gardando os bártulos do curso e saíndo cara as vacacións. Pero desde a biblioteca non queremos deixar pasar a ocasión de mostrar a nosa satisfacción por esta nova.

PANOS brancos
esfiañados
da nebra
ouveando polos vales
polos soutos
i as devesas marelas
en busca dun caborco
ou dunha valiña outa
que os acolla
i os faga acougar!

Fiañas da nebra
rubindo
e baixando
á gaiola do aire
polas serras érmedas
e polos soutos despidos
do Nadal! (De OS EIDOS)


sábado, 6 de junio de 2009

Poesía viva nas Pontes

Hoxe aistimos a un novo recital do grupo poético Alalá.
Como teñen por costume, xunta a eles había un convidado de excepción, o poeta Eduardo Estévez.
Os alumnos de piano -Carlota Candelas, Ana Mª Ameneiro, Alberto Lozano e Brais Martínez- e frauta travesera -Carme Pita, Alicia López, María Allegue e Candela Paz- do Conservatorio de música de As Pontes e a danza oriental de Vanessa Lakshmi acompañáronos para crear unha grata atmósfera e convertíronse nun agradable telón de fondo para os poemas de Santi, Gloria, Ofelia, Aníbal Ánxel e Mª Carmen.

jueves, 4 de junio de 2009

As Pontes non sempre foi o que é

Aos das Pontes gústanos atopar de cando en vez cousas tan preciosas coma as que conta Otero Pedrayo neste libro ilustrado por Vicente Risco e digo isto porque, sen dúbida, a nosa non é a vila máis fermosa de Galiza; o seu carácter industrial, o feito de ser unha encrucillada,... non fan dela a mellor das vilas, pero é a nosa vila e nos sentimos orgullosos de ter nacido nela e de ser parte da súa historia, unha historia que por outra parte abrangue ata a prehistoria.
Pois ben, aquí vos traio unha obra que podedes atopar na nosa biblioteca, publicada alá polo ano 1929 cando Otero Pedrayo e Vicente Risco xunta a Ben-Cho-Shey, fixeron un camiño dende Ourense ate San Andrés de Teixido para coñecer en detalle o país e así poder integrar a súa bagaxe cultural no ámbito xeografico, económico, paisaxistico,...reivindicando dalgunha maneira o noso patrimonio cultural. Neste itinerario pasaron por aquí e veredes o que dín das Pontes de principios do século XX. Deixemos falara D. Ramón, na súa lingua, unha lingua que ás veces, esixe do lector un esforzo, pero ben merece a pena.
"SEÑORES D´APASEO
Piñeirales. Pechos, mestos, armoñosos. Ouro verdecente da serán. A cada volta da carreteira vaise redondeando pra nós a conca das Pontes. Roca e piñeiros. Un grande golfo de piñeirás aberto no cerne das montanas. Un escuro verdecer e mancholas de casas brancas. Outras mancholas brancas e recendentes âs táboas de pino. Os ollos feridos e deslombrados de choutar pol-as serras, de brincar cotas, de fixar lonxanos paralelos históricos durme no arreconchego d´iste val. O Eume eiquí tamén folga un pouquiño: un descanso d´heroe na tarde ô pé dos arboredos. Terra de dólmenes e de encantamentos. Cruce de camiños axexado por outas penedías esgrevias. O Caxado racha a armonía da serán como un berro. Con todo Pontes é un val de montana. Non ten apesares dos piñeiros isa priguiza da veiramar. Priguiza dificultosa de dicir. Casas brancas, ponte, río, noite de sábado, nova espranza pr´o día seguinte. E se non se pode dubidar da seriedade da vila: eiquí inda lonxe chegan señores d´apaseio. Ouservámolos con grande curiosidade. Ben mantidos, importantes, paso dixestivo. Hai unha ximnástica burguesa ben século dazanove pra pasear pol-as carreteiras. Con todo istes señores non me parecen ser da vila. Levan gabás desmasiado â moda. Que pracer pra un veraneante poder dicir chegado o outono:"el día...de Julio salíamos de paseo, a las tardes en Puentes de García Rodríguez y teníamos que llevar gabán". Sospeitamos chegar a unha vila de oxixenación. A cada volta da estrada precísanse augas batidas entr´os piñeirás; hai cortinas de piñeiros que figuran encobrir a surpresa do val ullán. Logo as primeiras casas, as primeiras aceras, dúas pontes paralelas e unha cruz de estradas."
Se vos interesa todavía queda máis sobre a nosa vila, cousas ben interesantes como cando dí: "Casas de artesanos vilegos. As estradas novas criaron a outra vila: perpiñaos, galerías, tendas, acacias de bola, cafés, praza con bancos, despacho dos boletíns...Luminosa, espallada, c´a presencia custante dos piñeirás dá unha impresión hixiénica, aseptica..."
Anímovos a ler esta obra por moitas razóns, algunhas delas quedan aí argumentadas polo propio texto.