O Día Internacional da Muller refírese ás mulleres correntes como artífices da historia e afunde as súas raíces na loita plurisecular da muller por participar na sociedade en pé de igualdade co home.
A idea dun día internacional da muller xurdiu ao final do século XIX, que foi, no mundo industrializado, un período de expansión e turbulencia, crecemento fulgurante da poboación e ideoloxías radicais.
O día 8 de marzo mulleres e homes que traballan polas causas das mulleres conmemoran en todo o mundo os esforzos que estas realizaron por alcanzar a igualdade, a xustiza, a paz e o desenvolvemento. Máis aló de fronteiras nacionais e diferenzas étnicas, lingüísticas, culturais, económicas e políticas, as mulleres dos cinco continentes organizan diversos eventos para festexar este día.
Sobre o porque do 8 de marzo existen diversas versións. A máis coñecida é a dun incendio ocorrido nunha fábrica téxtil de Nova York en 1857, onde morrerían queimadas as obreiras que facían unha folga. Segundo a historiadora canadense Renée Côté, non existen probas documentais de que un incendio desas características producísese ese ano, nin que ese feito fose o motivo para establecer unha xornada internacional das mulleres. Si que un 8 de marzo de 1857 unha marcha pioneira de obreiras téxtiles percorreu os suburbios ricos da cidade de Nova York para protestar polas miserables condicións de traballo.
Tamén un 5 de marzo de 1908 en Nova York comezou unha folga das obreiras téxtiles reclamando a igualdade salarial, que se diminuíse a xornada a dez horas e que se permitise un tempo para a lactación.
O Día Internacional da Muller foi instaurado en 1910 pola alemá Clara Zetkin, integrante do Sindicato Internacional de Obreiras da Confección, durante o Congreso Internacional de Mulleres Socialistas en Copenhague, Dinamarca.
O primeiro Día Internacional da Muller celebrouse o 19 de marzo de 1911 en Alemaña, Austria, Dinamarca e Suíza, conmemorando un levantamento ocorrido en Prusia nesa data. As demandas foron o dereito ao voto, a igualdade de oportunidades para exercer cargos públicos e o dereito ao traballo.

Nós queremos render unha homenaxe ao traballo de millóns de mulleres que coa súa acción silenciosa atenúan os defectos da pobreza, resaltar o seu insuperábel valor como elemento de cambio e transformación e destacar o papel esencial na loita contra a pobreza e a exclusión.
Hernán Zin danos a coñecer historias reais e próximas que co seu liderato engadiron a viabilidade, eficacia e eficiencia dos procesos de desenvolvemento nos que se atopan inmersas. Grazas a el e a Mundo Cooperante que nos achega esta información.
O curso pasado tivemos aquí a Rosemary Nyrumbe que nos contou de primeira man de que maneira participaba na libertade para as escravas sexuais da guerra de Uganda.
Este ano queremos falar de Margarita Barrientos.
A vida desta muller nunca foi fácil. Pertenecía a unha familia de aborixes toba, criouse nunha mísera choza perdida no norte de Arxentina. Trala morte da súa nai, sendo só unha adolescente, Margarita colleu un tren rumbo a Bos Aires en busca dunha oportunidade de progreso. Acabou nun barrio de chabolas da capital porteña, onde casou e tivo dez fillos. Un accidente laboral deixou ao seu marido sen traballo, de maneira que se veu obrigada a recoller comida das basuras urbanas.

Juan Carr, activista social arxentino, comezou a colaborar no labor que en silencio estaba a realizar Margarita, que cada vez daba de comer a máis e máis nenos de Villa Soldati.
En doce anos, o traballo desta loitadora medrou exponencialmente. No comedor Los Piletones, preto da súa casa, hoxe da de comer a máis de mil nenos cada día.
Recibeu o premio en 1999 de Muller do Ano en Arxentina o que a fixo visible e entón comezou a recibir axudas coas que puxo en marcha garderías, clínicas, farmacias, proxectos de microcréditos, para a xente do seu barrio.
O primeiro xesto foise multiplicando e así veu transformada a súa vida e dos que a rodean.
Precisamos moitas MARGARITAS coma esta, e hoxe quixemos compartirla con todos vós.
No hay comentarios:
Publicar un comentario