domingo, 25 de mayo de 2008

Un libro moi especial

Dende hai uns días temos na biblioteca un libro moi especial que ven a aumentar a nosa colección sobre as Pontes, a engrandecer a nosa historia cun escritor de excepción, Jesús Cabaleiro Pita.
O libro titúlase Alende . Todos podemos disfrutar del pois ainda que os protagonistas son uns nenos de dez anos que viven unhas aventuras dentro da súa cotidianeidade nas Pontes dos anos 60, os maiores tamén sentimos o reflexo da nosa lembranza en cada unha das súas líneas.

O libro recibiu o recoñecemento do seu valor no II Premio de Literatura Infantil e Xuvenil "Pura e Dora Vázquez" e foi publicado pola Deputación de Ourense no ano 2005.


É tamén un libro dificil de conseguir pero hoxe témolo gracias a viuva do autor Mª Teresa Fontenla González, que tivo a ben doalo á nosa Biblioteca con unhas fermosas palabras de presentación que reproducimos aquí para que todos as podades disfrutar. Moitas Grazas.



"Mestre de galego e castelán, D Xesús Cabaleiro Pita, naceu e medrou nas Pontes. A casa onde viviu, estaba a carón das escolas públicas, e, preto do Campo da Feira ( hoxe, Xardíns do Concello). Nese entorno e na Presa de Alende, compartiu as súas vivencias de rapaz cos seus amigos. Co tempo, reflexounas neste conto, que entrego con cariño ao "IES MONCHO VALCARCE", para que sirva no lecer de entretemento, lembranza e coñecemento doutros tempos. A fin de que os alumnos disfruten da lectura.
Na súa memoria, a viuva: Mª TERESA FONTELA GONZÁLEZ. Maio 2008"




Queremos agradecer as xestións feitas polo seu irmán Antonio, profe de Bioloxía, que todos coñecedes, na procura deste obxectivo e tamén a súa colaboración desinteresada nas actividades desenvolvidas pola Biblioteca ao longo de todo curso.


domingo, 18 de mayo de 2008

Xornadas de poesía organizadas pola Biblioteca

No marco do Día das Letras Galegas, a Biblioteca organiza unha xornada adicada á poesía. Os alumnos de 1º e 2º da ESO son, neste caso, os protagonistas. Ofelia López, Gloria David e Santi Del Moral do grupo Alalá nos visitan para lernos algúns traballos e interactuar cos alumnos. Eles lerán poemas dalgúns membros deste grupo que non van poder estar con nós como Anibal Ánxel ou Gema Bermúdez e incluso de Xosé María Álvarez Blázquez, a quen todos os galegos lle rendimos homenaxe este ano.

Brais, Iria, Cristina, Alba, Julia, Noemí, son os nomes dalgúns alumnos que colaborarán nesta actividade. Uns lendo poemas, outras interpretando pezas musicales con piano, violín ou saxo entre os momentos das lecturas.

O 2007 Fran Alonso elaboraba cinco motivos para ler poesía, que nós queremos reproducir aquí.


1 A poesía non morde, non fai dano e, aínda que haxa quen pense o
contrario, non é aburrida, nin romanticona, nin cursi, nin difícil. E hai moitos tipos de poesía para que elixamos.

2 A poesía serve para ler, cantar, berrar, recitar, rapear, musicar, declararse,
rebelarse contra o mundo ou únicamente para falar suave á orella. Tamén é un
somnífero para durmir ben, unha pastilla sen química que mellora a saúde e o
benestar, e relaxa as persoas. E serve,sobre todo,para explicar as razóns e as emocións que non veñen no diccionario.

3 Os poemas son como caixas de ferramentas, valen para todo: para sentilos,
manosealos, lelos, cheiralos, gardalos nun armario, ensucialos, para ligar, para poñelos enriba da cabeza, penduralos na parede, limpalos, recortalos, reescribilos, merendalos nun bocadillo de papel, ordenalos, metelos na neveira e lelos coa cabeza máis fría, ou deixalos sobre a cama para devoralos á noite, clandestinamente, cando todos se deitaron. Ademais, a poesía cura enfermidades como a impaciencia, os nervios, os pés planos, os enfados, a dor de cabeza, as feridas imprevistas, as dores de amor, as indixestións, a ansiedade e algunhas gripes.

4 A poesía está nas cousas que nos rodean a diario, na música, na amizade,
no supermercado, na risa, na moto, no váter, na esperanza, na rutina, nas cousas persoais, no calexón sen saída, no mar contaminado, na tristura, no teu barrio ,no ceo cuberto, no ordenador, nun berro, na paisaxe, na conversa e nas rúas. Onde ti queiras.

5 O importante da poesía non é obsesionarse con descifrala senón saber gózala, sentila e intuíla. Na poesía reconforta sentir o seu ritmo, a súa música, a súa sonoridade,os xogos de palabras que por veces nos deslumbran, as imaxes
fascinantes que nos ofrece. E tamén os seus enigmas. Poetizarse. En definitiva, facer da poesía un pracer.



sábado, 17 de mayo de 2008

2008 Ano Internacional dos Idiomas

Queremos facernos eco das verbas de Carlos Fernández, presidente da FEGAMP(Federación Galega de Municipios e Provincias) que dicía así:"saudamos a iniciativa de preservar e promover a riqueza lingüística e cultural de Europa que MIDAS (Minority Dailies association) desenvolve.

Os concellos compartimos a iniciativa de Nacións Unidas de proclamar 2008 como o Ano Internacional dos Idiomas" para fomentar o multilingüísmo, a unidade e a comprensión internacional".

Midas reúnese estes días en Compostela por iniciativa do xornal Galicia Hoxe. Esta asociación europea de xornais en linguas minoritarias e rexionais xurde no ano 2001 seguindo a proposta dos directores de máis de dez comunidades lingüísticas de Europa para coordinar as súas estratexias e estimular a cooperación para obter apoio das institucións europeas para as linguas minoritarias e os seus medios impresos. Hai que ter en conta que nós somos uns deses 45 millóns de persoas da UE que falamos nunha lingua distinta á lingua oficial.


ano internacional das linguas


A Asemblea Xeral das Nacións Unidas proclamou o 2008 Ano Internacional dos Idiomas para fomentar o multilingüismo, a unidade e a comprensión internacional.

A ONU recoñece así que o multilingüismo promove a unidade na diversidade e no entendemento internacional. Así mesmo, a Asemblea recoñeceu a importancia de protexer as distintas linguas, o que equivale a protexer as culturas e promovelas.


No mundo fálanse arredor de 6.000 linguas das que, segundo a UNESCO, un 50% está en perigo de extinción debido á globalización. Para resaltar este feito, e o importante que é para o mundo conservar o seu patrimonio lingüístico, xorde a idea de dedicarlle este ano ás linguas.


A iniciativa comezou a xestarse na Conferencia Xeral da UNESCO en París no ano 2005.


A Secretaría Xeral de Política Lingüística ten previsto abordar ao longo do ano diversas actuacións que contribúan a difundir o valor da diversidade lingüística na construción da convivencia mundial, como un elemento que define o ser humano e que é parte fundamental da riqueza cultural do planeta.


Ao longo de 2008, realizará unha completa exposición sobre o galego na diversidade lingüística. Por outra parte, no marco do protocolo de colaboración cos departamentos de política lingüística dos gobernos vasco e catalán, ten previsto abordar accións conxuntas para promover o multilingüismo e a diversidade das linguas do Estado.



Algunhas reflexións sobre o galego e as linguas

1. No mundo fálanse actualmente unhas 6.500 linguas. En Europa existen linguas de orixe moi diversa e de recoñecemento e usos tamén distintos. O galego, pola súa condición de lingua cooficial e polo seu amplo uso social, constitúe unha lingua de tamaño medio no ámbito europeo.


2. En España, o 40% da poboación vive nun territorio con outro idioma oficial ademais do castelán.


3. As linguas non son elementos inalterables; son estruturas vivas para comunicar e para expresar, que varían no tempo, no espazo, nos usos etc. O galego está sempre en marcha!


4. As linguas teñen todas o mesmo valor, pero outórganselles status distintos en cada momento da historia: o francés foi en tempos lingua da diplomacia entre os ingleses; o galego, lingua literaria das Cortes castelás; o italiano, lingua da ópera en Viena...


5. O multilingüismo considérase hoxe un valor de mercado: comprender e falar diferentes linguas constitúe unha oportunidade no mundo laboral, tamén en Galicia.


6. O coñecemento de máis dunha lingua supón contar con máis referencias para chegar a aprender outras. Desde o galego non é difícil acceder ao portugués, ao castelán, ao italiano, ao francés... Coñecelo ábrenos as portas ao mundo amplo que nos rodea!


7. En Europa, as linguas que non son oficiais dun estado denomínanse linguas rexionais ou minoritarias. Así e todo, existen múltiples casos, coma o galego, de linguas minoritarias que son maioritarias no seu territorio. Fala galego o 85% das persoas que viven en Galicia.


8. A través da lingua que falamos estruturamos o noso coñecemento do mundo. Os galegos fixeron evolucionar o latín nunha lingua propia para describir a súa realidade e expresar os seus sentimentos. Non é pouca achega a este mundo diverso!


9. A lingua galega conta cunha historia rica, con situacións cambiantes condicionadas polos acontecementos sociopolíticos de cada tempo. No medievo gozou do prestixio da lírica e da documentación formal; no século XVI foi eliminada dos usos administrativos e quedou como lingua da casa e dos camiños; no século XIX colle alento e faise máis presente nas actividades das clases acomodadas. Hoxe é lingua cooficial de Galicia, falada no Parlamento, na televisión, no hip hop ou na escola. E no futuro, sen cancelas!


10. O ruso é a lingua máis falada en Europa, xa que conta con 120 millóns de falantes, pero pola súa condición social e económica non se considera hoxe lingua estratéxica no ámbito económico. O número de falantes non é o único factor que determina a situación dunha lingua. E as linguas son importantes todas en tanto que todas as persoas son importantes.


11. A familia foi tradicionalmente a principal responsable da transmisión das linguas. Hoxe os medios de comunicación, a escola, a convivencia con falantes doutras linguas etc. son axentes tamén fundamentais na nosa sociedade. A lingua da casa complétase así co contacto con, polo menos, outra lingua. É unha oportunidade para familiarizármonos con varios idiomas desde pequenos!


12. Manter a diversidade das linguas do mundo é unha maneira de garantir a subsistencia da diversidade das culturas. Non temos que agochar a nosa lingua, que foi dos nosos avós e que será dos nosos netos. O galego goza de vitalidade. Os galegos temos futuro e a lingua vai connosco. E logo!


Outros organismos tamén traballan en prol da lingua (Mesa Pola Normalización Lingüística)

Carlos Callón, Manuel Rivas e Avelino Pousa Antelo ( 94 anos!!!) presentaron onte a campaña da Mesa para captar novos socios e "gañar a batalla a lingua". O autor de Os libros arden mal arremeteu contra os que disfrazan coa coartada do bilingüismo a súa antipatia polo galego.

TODOS PODEMOS DEFENDER A NOSA LINGUA!

Día das Letras Galegas, 2008


A Real Academia Galega decideu homenaxear no Día das Letras Galegas deste ano, 2008 a Xosé María Álvarez Blázquez nado en Tui o 4 de febreiro de 1915 e morto en Vigo o 2 de marzo de 1985 pola súa entregada adicación ás causas ideológicas e culturais de Galiza, pola súa curiosidade múltiple e pola súa incansable vontade pedagóxica.

Álvarez Blázquez pertece a Xeración de 1936 e foi especialmente coñecido como poeta en lingua galega e castelá, moitos dos seus poemas inspiroullos a morte dunha dos seis fillos, Mª Luisa, que tivera con Mª Luisa Cáccamo Frieben, pero tamén narrador e dramaturgo.

Ao ver que non tiñas nome
unca o s que serías
ventureiriña do monte.

Froleciña ventureira
que –ao millor-nasceu co orballo
nunha luzada de estrelas.

Coma andabamos a rir
-ventureiriña do monte!-
Chamamoste “Colorín”.

Roseira do teu mencer, 1950

A súa actividade intelectual abrangue, sen abandonar por completo a escrita creativa, dende os anos cincuenta á arqueoloxía, etnografía, ámbitos nos que se converte nun dos nomes máis relevantes en Galicia, xunto a Cuevillas, Bouza Brey ou Filgueira Valverde; á crítica literaria, ao periodismo, etc, e, incluso, á política, pois vai na candidatura polo Partido Galeguista nas eleccións municipais do ano 1983.

Algunhas das súas obras son:

Os ruíns, conxunto de relatos que querían mostrar “a vida canalla i escura dos travesados, dos cativos, dos traspoleirados, tara da sociedade e podre do xénero humano”, en boca do autor pero con tono irónico (ano 1936).
En el pueblo hay caras nuevas , novela finalista da primeira convocatoria do premio Nadal, en castelán de 1945
El zapato de cristal e Los pazos altivos, dúas pezas teatrais de 1947, escritas en colaboración co seu irmá Emilio e que se representaron.
Poemas de ti e de min, poemario dividido en dúas partes, unha del e outra de seu irmá Emilio, de 1949
Roseira do teu mencer, poemas de 1950
Escolma da poesía galega I: Escolma medieval galego-portuguesa de 1952
Cancioneiro de Monfero, poesía de trobeiro, 1953
Romance do pescador peleriño, catro páxinas para un poema do ano 1954
Crecen las aguas, novela en castelán de 1956
Escolma da poesía galega II: A poesía dos sécalos XIV a XIX, de 1959
Sonetos del alba insomne, 1960,o seu peche como poeta
A pega rabilonga e outras historias de tesouros, aportación á narrativa infantil de 1971.
Escolma da poesía medieval, ano 1975
Canle segredo, obtivo o premio “Eduardo Pondal”, poemas publicados en 1976, pero escritos entre 1951 e 1953

Este escritor foi cofundador da Editorial Monterrey en 1948 e fundador de Edicións Castrelos en 1967, recoñecido no Centro Galego de Buenos Aires co Premio Pondal de poesía en 1954, galardoado co Pedrón de Ouro en 1981, membro numerario da RAG, cronista oficial da cidade de Vigo e membro do Instituto de Estudos Galegos “Padre Sarmiento”.

Reproducimos O Ladroeiro xa , un relato de Os ruíns, que consideramos pode animarvos a ler algo máis deste autor humanista, poeta, narrador, intelectual entregado ao estudo e difusión de todo aquelo que nos identifica como pobo.

Era a unha da mañán e tornaban pra o casal os dous namorados. Casáranse faguía un mes, e gostaban de anduriñar os seus amores á brisa da noite i á lus do luar. Viñan xa cansos de percorrer os belidos arredores da anterga cibdade, e fóronse deitar, co sono nas palpebras.
Non ben findaran de se mergullar no liño mesto, cando un témero e abraiante espirro saíu de embaixo o leito.
-Antón!-berrou a muller.(Tiña na boca trinta e dúas castañolas).
-Serea, muller.

I o home chispouse ao chan.

-Saia de aí, señor. Abula, pronto!

I o outro surtiu:

-Peitogueime antronte, sabe? Ten un tan pouca roupa…
-Quen é vostede?
-Un probe home, señor.
-E que fai eiquí?
-Pois…vin roubar. Mais dimpois tomei medo.É a primeira vegada que o fago, sabe?, e non teño vezo1; non sei coma hei comenzar.
-Por onde entrou?
-Déixeme garda-lo segredo. Coido que non ha ficar ben o ladroeiro que conte todo.
-Boeno; pois agora, rúa. Veña conmigo.
-Señor!
-Que lle acontez?
-Teño tanta fame!
-Que lle imos faguer. Agora xa non me pode roubar.
-É certo.
-Rúa!
-Antón-dixo a muller, que deica entón tivera a chola asolagada no liño. I engadiu:
-Vai á despensa e dalle de comer.
-Deus llo premie!

I o témero saíu de alí a un chisco, rillando nun toro de queixo, incrustado no meio de unha codia de pan.

Os dous namorados durmiron aquila noite encheitos de ledicia. Il por terlle amostrado ao ladroeiro a súa xurdia inteireza; ila por lle ter ensinado o seu feitío lanzal.
--------------------------------------------------------------------------------------
1 Costume

Se che gustou , deixanos un comentario e si queres ler algo máis, pásate pola biblioteca.
Non che estrañe o seu galego, está escrito en 1936 e todos sabemos que a lingua está viva, cambia cada pouco pero ,é verdade que, cada un fala como quere ou como pode pero o máis importante e falar, NON PERDAS A TÚA LINGUA!

martes, 13 de mayo de 2008

50 anos de Mortadelo e Filemón


Con motivo do 50 aniversario da publicación do comic Mortadelo y Filemón, decidimos subscribirnos a unha colección especial de 20 libros que o propio autor, Francisco Ibáñez, seleccionou para Círculo de Lectores. As entregas irán saíndo de dous en dous exemplares. Esperamos que os disfrutes.




lunes, 12 de mayo de 2008

12 de maio, día das matemáticas

No ano 2000, a Federación Española de Profesores de Matemáticas, decidiu celebrar o 12 de maio de cada ano como o Día das Matemáticas, en conmemoración do nacemento de Pedro Puig Adam, catedráttico do Instituto San Isidro de Madrid e unha autoridade mundial na didáctica desta materia.

Na biblioteca temos, ademais dos clásicos libros de exercicios, algunhas novelas ou libros con contido matemático, tratados dun xeito lúdico e divertido.

Algúns dos títulos dos que dispoñemos podes atopalos na seguinte presentación:


video