sábado, 14 de mayo de 2011
Encontro co Grupo Poético Alalá
A actividade completouse cunha actuación musical a cargo de dous alumnos de 1º de Bacharelato: César Infante ao piano e Iago Foxo co clarinete.
Míranme os espellos caer as bágoas
e calan
os pasos ecoan lenemente nas paredes
e non paran
a noite non ten diferencia do día
e amargúllame
no sotelar das horas envenenadas
Míranme os espellos de novo
rompen o silencio
todo gris, todo morno, todo transitorio.
Ofelia López Bermúdez
Mans que berran pedindo axuda,
ollos que din de medo o fame,
berros secos en bocas mudas...
A carón da esperanza sentárame.
***
Ó collela, a lúa,
escachóuseme nas mans;
espalláronse os anacos
polo ceo, pola terra
e polo mar.
Santi Del Moral
Dóeme este feitizo
que te estampa en cada rostro;
esta vontade allea
que te busca en cada esquina.
Dóeme este delirio
que te chama e te suspira;
este desexo inquedo,
esta caricia reprimida.
Dóeme este baleiro
que o meu corpo non entende,
a túa pel espida
nunha imaxe ausente;
esta entrega louca
se é dar somente.
Dóeme estar sen ti
e estar contigo sempre.
Gloria David
Publicado por
Chus ProfedeLengua
en
13:34
3
comentarios
domingo, 18 de mayo de 2008
Xornadas de poesía organizadas pola Biblioteca
1 A poesía non morde, non fai dano e, aínda que haxa quen pense o
contrario, non é aburrida, nin romanticona, nin cursi, nin difícil. E hai moitos tipos de poesía para que elixamos.
2 A poesía serve para ler, cantar, berrar, recitar, rapear, musicar, declararse,
rebelarse contra o mundo ou únicamente para falar suave á orella. Tamén é un
somnífero para durmir ben, unha pastilla sen química que mellora a saúde e o
benestar, e relaxa as persoas. E serve,sobre todo,para explicar as razóns e as emocións que non veñen no diccionario.
3 Os poemas son como caixas de ferramentas, valen para todo: para sentilos,
manosealos, lelos, cheiralos, gardalos nun armario, ensucialos, para ligar, para poñelos enriba da cabeza, penduralos na parede, limpalos, recortalos, reescribilos, merendalos nun bocadillo de papel, ordenalos, metelos na neveira e lelos coa cabeza máis fría, ou deixalos sobre a cama para devoralos á noite, clandestinamente, cando todos se deitaron. Ademais, a poesía cura enfermidades como a impaciencia, os nervios, os pés planos, os enfados, a dor de cabeza, as feridas imprevistas, as dores de amor, as indixestións, a ansiedade e algunhas gripes.
4 A poesía está nas cousas que nos rodean a diario, na música, na amizade,
no supermercado, na risa, na moto, no váter, na esperanza, na rutina, nas cousas persoais, no calexón sen saída, no mar contaminado, na tristura, no teu barrio ,no ceo cuberto, no ordenador, nun berro, na paisaxe, na conversa e nas rúas. Onde ti queiras.
5 O importante da poesía non é obsesionarse con descifrala senón saber gózala, sentila e intuíla. Na poesía reconforta sentir o seu ritmo, a súa música, a súa sonoridade,os xogos de palabras que por veces nos deslumbran, as imaxes
fascinantes que nos ofrece. E tamén os seus enigmas. Poetizarse. En definitiva, facer da poesía un pracer.