sábado, 14 de mayo de 2011

Encontro co Grupo Poético Alalá

O 9 de maio, e dentro das actividades que a Biblioteca organiza para celebrar o Día do Libro  e o Día das Letras Galegas, tivemos con nós, unha vez máis,  ao Grupo Poético Alalá das Pontes. Ofelia López, Santi del Moral e Gloria David deleitaron cos seus versos a un atento grupo formado polos alumnos e alumnas de 1º de Bacharelato.   En pouco máis de sesenta minutos transmitiron o seu  entusiasmo pola poesía, esa forma de expresar os sentimentos máis fondos a través de palabras fermosas, sinceras, ferintes e dorosas ás veces, pero sempre necesarias. Como necesaria e expresiva e fermosa é a palabra inventada que se atopa no corazón dalgúns destes poemas. ¿Cal será?
A actividade completouse cunha actuación musical a cargo de dous alumnos de 1º de Bacharelato: César Infante ao piano e Iago Foxo co clarinete.

Míranme os espellos caer as bágoas
e calan
os pasos ecoan lenemente nas paredes
e non paran
a noite non ten diferencia do día
e amargúllame
no sotelar das horas envenenadas

Míranme os espellos de novo
rompen o silencio
todo gris, todo morno, todo transitorio.
                                                 Ofelia López Bermúdez

Mans que berran pedindo axuda,
ollos que din de medo o fame,
berros secos en bocas mudas...
A carón da esperanza sentárame.
***

Ó collela, a lúa,
escachóuseme nas mans;
espalláronse os anacos
polo ceo, pola terra
e polo mar.
                                    Santi Del Moral


Dóeme este feitizo
que te estampa en cada rostro;
esta vontade allea
que te busca en cada esquina.

Dóeme este delirio
que te chama e te suspira;
este desexo inquedo,
esta caricia reprimida.

Dóeme este baleiro
que o meu corpo non entende,
a túa pel espida
nunha imaxe ausente;
esta entrega louca
se é dar somente.

Dóeme estar sen ti
e estar contigo sempre.
                                             Gloria David

3 comentarios:

Anónimo dijo...

A palabra agochada ten que ser DESAMOR? xa que os poemas amosan unha concepción demoledora e tráxica do amor, causante de dor, bágoas, insomnio e delirio.
Un amor sen esperanza é un amor morto.

Máis optimismo por favor, que é primaveira!

Anónimo dijo...

Fixen un comentario o 21 de maio a entrada dos poemas de Alalá. Esperaba resposta xa que non sei se a miña interpretación é a axeitada en opinión de quén fixo esa entrada e gostaríame contrastala.
Gracias.

Chus ProfedeLengua dijo...

A palabra agochada é "amargúllame" e aparece no poema de Ofelia López: unha mestura entre amargar e mergullar para expresar ese sentimento de desolación que case afoga ao eu-lírico.
Máis optimismo? Pois claro! Disfrutade do tempo de verán.